Riotorto no tempo

Actividade recente

581 rexistros | Páxina 1 de 59 | Anterior12345678910... 59Seguinte
anónimo fixo un novo comentario 2012-01-23 23:04:13

A que aparece na foto non é Pilar dos Gabeás. No ano 1971 Pilar ainda non estaba na fábrica.

Subiuse unha nova foto 2012-01-17 18:40:50

No arreglo parroquial de 1896 creáronse varias parroquias na diocese de Mondoñedo. No concello de Riotorto créanse as de Espasande de Baixo e Galegos, como anexos de Riotorto e A Órrea, respectivamente. Pasan a ser parroquias independentes A Muxueira e Ferreiravella, ata entón anexos de Santa Marta de Meilán e Aldurfe.
Neste escrito do ano 1950, chámase aos veciños a manifestar a súa oposición á construcción da nova igrexa nas Rodrigas -que ía substituir á de San Pedro- temendo que isto puidera significar a perda da condición de parroquia para Espasande de Baixo, e a obriga dos fregueses de acudir á misa ás Rodrigas. Recórdase a colaboración dos veciños de Espasande de Baixo nas sucesivas reconstruccións da igrexa de San Pedro. A nova igrexa de Riotorto sería inaugurada en 1956.
No documento recóllese o topónimo Mosteiro, e o nome de Capela de Mosteiro, que aínda usa hoxe a xente para referirse ao lugar onde se atopa a igrexa e ao propio templo. A Virxe de Mosteiro é a patrona da parroquia. Non existe constancia de que houbera un mosteiro en Espasande de Baixo, polo que cabe supoñer que o topónimo se refire a que o lugar era posesión dun mosteiro próximo, probablemente o de Meira.
Finalmente, non chegaron a cumprirse os temores dos veciños e hoxe Espasande de Baixo segue sendo parroquia, coa particularidade de non ter cemiterio nin libros parroquiais propios.

Subiuse unha nova foto 2011-12-26 14:34:35

Nun día chuvioso dos anos vinte celebrouse o enterro dun dos membros da influinte familia Aguiar. Ó fondo aparece a capela na honra de San Antonio que había no centro da praza das Rodrigas. Esta capela foi trasladada logo para onde está hoxe a casa de Isidoro, na Groba

Eloi fixo un novo comentario 2011-12-12 18:44:31

O pasado día 9 de decembro enterrábamos a Antonio Valle Portela "Costa", un dos últimos integrantes da banda de música de Riotorto, máis concretamente dos que poderíamos considerar os fundadores da mesma. Segundo nos contaba fai algún tempo, deste grupo vivía tamén Pértega, que estaba nunha residencia de anciáns en Burela. Deixounos tamén unha copia desta foto e outra máis que publicaremos en breve. Descanse en paz

Subiuse unha nova foto 2011-11-18 13:34:15

Ata os 10 anos viviu Avelino Díaz coa súa familia materna na Travesa, parroquia de Santa Comba da Órrea, trasladándose no 1907 a Meira. Tres anos despois, en 1910, con tan só 12 anos, Avelino collerá o camiño da emigración cara a Bos Aires en compaña dun parente.

Publicou Avelino en vida tres volumes poéticos, os dous primeiros ("Flor de retama" e "Debezos") en 1947, próximo a cumprir os 50 anos, e o terceiro ("Pallaregas") en 1963, con 65. Os tres son edición do autor, o que debeu supoñer un gran esforzo económico para un home que vivía e sostiña unha familia cun soldo non moi elevado de asalariado. Tanto "Flor de retama" coma "Debezos" foron moi ben acollidos pola crítica, sendo obxecto de numerosas recesións que responden, en boa medida, ó aprecio e popularidade da que gozaba na colectividade; "Pallaregas" pasou máis desapercibido, por ese entón xa andaba o noso autor un tanto apartado dos actos públicos debido ós achaques da súa precaria saúde.

Na foto aparece Avelino (á esquerda) no ano 1938, na compaña de Cipriano Barreiro e Manuel Silva

Subiuse unha nova foto 2011-11-17 19:17:14

Na imaxe aparece José Luis de Carrao, que mantivo aberta a fábrica familiar de gasosas e sifóns "La Glacial" nas Rodrigas, desde 1960 ata 2002. «Primeiro viñan as segas e as mallas máis adiante, e ían as familias enteiras, as pandillas... Moito viño con gasosa se bebía!», lembra. "La Glacial" fíxose sempre con auga de manancial, porque nas Rodrigas non había traída; sen auga, non hai gasosa. As botellas de "La Glacial" levaban escrita a orde ministerial do 5 de marzo de 1963 que prohibía «terminantemente» a práctica do «rellenado por otras fábricas» distintas á titulada. O reparto polas Rodrigas era con tracción humana, nunha carretilla de dúas rodas. Para achegarse ás parroquias houbo, ao principio, un utilitario Buick de 1928, o cal se pode ver na fotografía e que comprara un tío do de Carrao e que foi ‘tuneado’ cun remolque militar para repartir. «A plataforma de carga era moi pequena» e o Buick, que aínda descansa nunha nave, foi substituido en 1964 por un camión Ebro, pintado en vermello

Subiuse unha nova foto 2011-11-11 18:20:04

Consuelo Fernández Couso no reclinatorio, o día das Flores de María. Ese día, que se celebraba no mes de maio, as nenas recitábanlle versos á Virxe

Subiuse unha nova foto 2011-11-04 18:26:26

A madeira foi históricamente unha das principais fontes de riqueza do noso pobo; a proliferación de serradoiros así o testemuña. Na foto aparece o do Tombo, propiedade de Wenceslao Besteiro. Neste serradoiro traballaron Toño do Rego, Horacio, Félix e outros moitos veciños

Subiuse unha nova foto 2011-11-02 14:08:53

O 20 de decembro a Irmandade Galega agasallou a Avelino Díaz, o poeta da Órrea, cunha cea homenaxe no Hotel Marconi, para premiar o seu labor patriótico e galeguista. Concorreu a ela "o máis representativo da nosa coleitividade, que dese xeito testimoñou o aprezo que sinte pol-o vello loitador agasallado". Neste acto participou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao facendo un brillante eloxio do homenaxeado. Avelino quedará eternamente agradecido a Castelao polas palabras ditas en honor seu. Foi este o recoñecemento máis importante que recibiu Avelino en vida

Subiuse unha nova foto 2011-10-28 18:13:28

Nos anos cincuenta xa se xogaba ó fútbol no campo da Veiga. Na foto pódese ver, ó fondo, o chalé dos Ferrería